BARÓMETRO DE EMOCIONES POLÍTICAS DE ESPAÑA - USC
A política do noso tempo é unha política emocionada e non vai volver atrás
Os líderes que espertan máis emocións negativas, tamén poden suscitar maiores niveis de positivas
O primeiro avance do Barómetro de Emociones Políticas de España do EIP da USC constata o predominio da preocupación e do enfado cara aos liderados, unha relación cos medios marcada pola desconfianza e un notable nivel de felicidade
Santiago de Compostela, 31 de xullo de 2026. O Equipo de Investigaciones Políticas (EIP) da Universidade de Santiago de Compostela presentou este venres un avance do Barómetro de Emociones Políticas de España, un estudo piloto que analiza o compoñente afectivo da relación da cidadanía coa política, cos liderados, coas institucións, con España e cos medios de comunicación. O traballo de campo realizouse entre o 9 de xuño e o 4 de xullo de 2026, cun total de 600 entrevistas. Os resultados foron dados a coñecer por Nieves Lagares Díez, directora do EIP e profesora titular de Ciencia Política da USC, acompañada polo profesorado titular da USC Miguel Anxo Bastos, Erika Jaráiz Gulías e María Pereira López. "A política non vai só do que se pensa ou do que se decide. A política séntese, e aquilo que sentimos condiciona o que percibimos e a importancia que lle concedemos. Non é só o que somos, é o que sentimos", sinalou Lagares.
Unha cidadanía emocionada
O 95,3 % das persoas enquisadas manifesta polo menos unha emoción cara a algún dos liderados políticos analizados, mentres que só o 4,7 % non expresa ningunha. A presenza emocional é maioritaria nos catro casos: Pedro Sánchez chega ao 88,6 %, Santiago Abascal ao 83,8 %, Alberto Núñez Feijóo ao 78,5 % e Yolanda Díaz ao 74,4 %. Para o EIP, os resultados confirman unha transformación profunda na expresión pública das emocións. No primeiro estudo demoscópico realizado polo equipo en 2011, as respostas ás preguntas sobre emocións non chegaban ao 45 %. Na actualidade, a expresión emocional roza o 100 %. "Houbo momentos nos que a cidadanía sentía emocións, pero non as expresaba. Agora asistimos a unha explosión da expresión do que se sente. A política do noso tempo é unha política emocionada e non vai volver atrás", explicou Lagares.
A cidadanía pode sentir simultaneamente enfado e orgullo cara a un líder. Os datos tamén permiten diferenciar entre liderados con maior e menor capacidade de activación emocional. Sánchez e Abascal espertan máis emocións que Feijóo ou Díaz. "Os líderes máis emocionais teñen unha maior capacidade para chegar á cidadanía. Aos líderes menos emocionais cústalles máis establecer esa conexión, aínda que isto non significa que non poidan gañar unhas eleccións. Significa que deben compensalo cunha estratexia baseada nas propostas, nun perfil máis técnico", indicou a directora do EIP.
Os líderes activan emocións positivas e negativas ao mesmo tempo
Nos catro liderados estudados, a presenza de emocións negativas supera a das positivas. Pedro Sánchez concentra o maior nivel de emoción positiva, cun 39,1 %, pero tamén o maior nivel de emoción negativa, cun 76,2 %. En Yolanda Díaz os valores son do 36,2 % e do 51,6 %, respectivamente. En Alberto Núñez Feijóo son do 37,5 % e do 58,6 %, mentres que Santiago Abascal rexistra un 27,8 % de emocións positivas e un 68,0 % de negativas. A análise de cinco emocións concretas, orgullo, tranquilidade, enfado, preocupación e medo, reforza esa convivencia afectiva. A preocupación e o enfado son as dúas emocións principais cara aos catro liderados. Pedro Sánchez obtén o valor máis alto en orgullo, cun 24,0 %, pero tamén en preocupación, cun 61,6 %, e en enfado, cun 59,3 %. Estas dúas emocións negativas máis que duplican o orgullo que esperta. "O feito de que un líder provoque preocupación ou enfado non impide que tamén esperte orgullo. As
emocións non funcionan como compartimentos estancos. Neste sentido, un líder máis emocional pode recibir máis emocións positivas e negativas nun contexto conflitivo, mentres que un líder menos emocional pode provocar unha resposta afectiva máis limitada”. O dato máis singular aparece no medo. Esta emoción chega ao 43,0 % no caso de Santiago Abascal, fronte ao 22,7 % de Pedro Sánchez, o 18,9 % de Alberto Núñez Feijóo e o 12,1 % de Yolanda Díaz. "Os españois non teñen medo aos políticos en xeral. Teñen medo a Abascal. O medo non aparece instalado de forma xeral na sociedade española, pero si alcanza unha intensidade claramente diferencial no caso do líder de Vox", afirmou a directora do EIP.
Orgullo e preocupación cara a España, con diferenzas territoriais
O orgullo é a emoción máis estendida cara a España, cun 78,8 %, seguida moi de preto pola preocupación, cun 72,3 %. A tranquilidade acada o 53,6 %, o enfado o 42,2 % e o medo o 23,4 %. Estes datos non son excluíntes, xa que unha mesma persoa pode expresar varias emocións de maneira simultánea. Para o EIP, os resultados son contundentes: a cidadanía pode estar preocupada pola situación do país e, ao mesmo tempo, sentir un elevado orgullo cara a España. A convivencia entre preocupación e orgullo confirma novamente que as emocións políticas non son contraditorias, senón que se organizan e xerarquizan en función do contexto e da experiencia de cada persoa. A distribución autonómica revela diferenzas de intensidade. Entre as comunidades autónomas, o orgullo oscila entre o 60,0 % de Navarra e o 94,9 % de Castela e León, mentres que o enfado vai do 28,6 % de Canarias ao 60,0 % das Illas Baleares. En Galicia, o 79,0 % expresa orgullo cara a España e o 45,2 % manifesta enfado, cifras próximas ás do conxunto estatal, aínda que algo superiores no segundo caso.
A relación cos medios está dominada pola desconfianza
A nube de sentimentos cara aos medios de comunicación mostra un claro predominio das reaccións negativas, que concentran o 80,8 % das respostas, fronte ao 6,2 % das positivas. A desconfianza é o sentimento máis citado, cun 26,3 %, seguida da tristeza, cun 20,1 %, e do enfado, cun 18,3 %. A confianza queda reducida ao 3,7 %. "Non estamos só ante distanciamento ou indiferenza. A cidadanía mantén cos medios unha relación emocional intensa, pero fortemente atravesada pola desconfianza, a tristeza e o enfado. Dentro da experiencia acumulada polo equipo, nunca detectaramos unha presenza tan elevada de sentimentos negativos cara aos medios de comunicación", subliñou Lagares.
Unha sociedade moderadamente feliz
O nivel medio de felicidade sitúase en 7,64 puntos sobre 10. O resultado é consistente con outras series e barómetros. O último dato do CIS, correspondente a 2025, alcanza os 7,80 puntos, mentres que a serie EES sitúase nos 7,37 en 2026.
Tamén mantén unha grande estabilidade respecto da medición previa do propio EIP, que rexistrara 7,66 puntos en 2023. "Os españois e as españolas sentímonos felices. Existen preocupacións, enfados e situacións críticas, pero a semántica dunha vida infeliz que ocupa boa parte do discurso político non se corresponde coa realidade dos datos", afirmou Lagares.
Un barómetro con vocación de continuidade
O Barómetro de Emociones Políticas de España terá dúas medicións anuais. A seguinte onda realizarase en novembro. O EIP presentará en setembro a totalidade dos resultados no XVIII Congreso Español de Ciencia Política e da Administración, que se celebrará en Granada.
- O barómetro parte do Modelo de Emocións Políticas desenvolvido polo EIP durante máis de 15 anos, dentro do seu Programa de Emocións Políticas e co apoio do programa de financiamento de grupos da Xunta de Galicia. O estudo é froito de máis de 150 investigacións realizadas polo equipo, das que máis de 50 son estudos demoscópicos de ámbito municipal, autonómico, estatal ou internacional, como Bolivia, Colombia, Ecuador, México ou Portugal