Título IV.- Dos órganos de goberno da asociación

Artigo 14º.

Son órganos de goberno da Asociación:

1.- A Asemblea Xeral

2.- A Xunta Directiva

3.- Presidente ou Presidenta.

Artigo 15º.

1.- A Asemblea Xeral é o órgano supremo da Asociación, integrado pola totalidade dos seus membros.

2.- Poderá reunirse en sesións ordinarias ou extraordinarias. As sesións ordinarias celebraranse polo menos unha vez cada dous anos, previa convocatoria da Xunta Directiva realizada, polo menos, con quince días de antelación.

3.- A Asemblea Xeral na súa sesión ordinaria entenderase validamente constituída en primeira convocatoria cando asistan a ela a metade máis un dos seus membros. Se non se reunise este quórum entenderase validamente constituída media hora máis tarde en segunda convocatoria no mesmo lugar que a primeira, calquera que sexa o número de asistentes. Os acordos adoptaranse por maioría simple dos votos emitidos.

Artigo 16º.

Corresponde á Asemblea Xeral en sesión ordinaria:

1.- Elixir aos membros da Xunta Directiva e ser informada da súa xestión.

2.- Ser informada da eventual modificación das cotas anuais que deben satisfacer as persoas socias.

3.- Aprobar o orzamento anual e as contas de resultados dos exercicios orzamentarios anteriores.

4.- Adoptar as decisións fundamentais relativas ao cumprimento dos fins da Asociación, a proposta da Xunta Directiva.

Artigo 17º.

1.- A Asemblea Xeral reunirase en sesión extraordinaria, previa convocatoria da Xunta Directiva, polo menos con quince días de antelación, ou por acordo adoptado pola mesma Asemblea en sesión ordinaria.

2.- Para a adopción válida de acordos será necesario o voto favorable das dúas terceiras partes dos membros votantes.

Artigo 18º.

Corresponde á Asemblea Xeral en sesión extraordinaria:

1.- Adoptar acordos relativos á disposición e alleamento dos bens de propiedade da Asociación.

2.- Acordar, no seu caso, a disolución da Asociación e o destino do seu patrimonio na data en que se extinga.

3.- Deliberar sobre cantos asuntos lle sexan sometidos pola Xunta Directiva e sobre aqueles outros que se fixen na orde do día a proposta da Asemblea Xeral en sesión ordinaria, cando a convocatoria se realice por decisión da Asemblea.

4.- Aprobar, no seu caso, polos 2/3 dos membros presentes, unha moción de censura á Xunta Directiva, que deberá incluír preceptivamente proposta de Xunta Directiva alternativa, e ser promovida por 1/3 do total dos membros da Asociación.

Artigo 19º.

Tanto nas sesións ordinarias da Asemblea Xeral como nas extraordinarias admitirase o voto por correo. Igualmente, admitirase o voto por delegación debidamente documentado para asuntos concretos incluídos na orde do día. Para a elección dos membros da Xunta Directiva será válido o voto por correo, pero non por delegación.

Artigo 20º.

1.- A Xunta Directiva da Asociación estará composta por:

  • Presidente ou Presidenta.
  • O/a Vicepresidente/a.
  • Secretario ou Secretaria Xeral.
  • Tesoureiro ou Tesoureira.
  • Vogais, ata un máximo de dez.

2.- O Presidente ou a Presidenta saínte da Asociación forma parte da Xunta con voz, pero sen voto.

3.- A composición da Xunta preservará o principio de representación equilibrada entre mulleres e homes, así como outros criterios (territorio, institución, experiencia e ámbitos da disciplina) co obxecto de reflectir a pluralidade da asociación.

Artigo 21º.

O mandato da Xunta Directiva será de catro años contados a partir da data da súa elección, coincidindo coa celebración do Congreso dese año.

1.- Os membros da Xunta Directiva poderán ser reelixidos por unha soa vez. Ninguén poderá permanecer nela durante máis de dous mandatos consecutivos, salvo se, ao remate, é elixido Presidente ou Presidenta da Asociación.

2.- As vacantes que poidan producirse durante o período de mandato serán cubertas por socios/as a proposta do Presidente ou Presidenta co visto bo da Xunta Directiva, ata a seguinte Asemblea Xeral na que se convocarán eleccións parciais ás devanditas vacantes.

Artigo 22º.

Corresponde á Xunta Directiva:

1.- Dirixir e administrar de maneira ordinaria as actividades da Asociación, adoptando os acordos necesarios para o desenvolvemento das decisións aprobadas pola Asemblea.

2.- Acordar a convocatoria das sesións ordinarias ou extraordinarias da Asemblea Xeral.

3.- Aprobar o orzamento e a xustificación de contas anuais, así como as cotas anuais que deberán satisfacer as persoas socias, así como as de inscrición nos Congresos da Asociación.

4.- Acordar o nomeamento de membros individuais eméritos e honoríficos, comunicándoo á Asemblea Xeral.

5.- Acordar a admisión de novos membros (o que poderá delegar na Secretaría Xeral) e propoñer á Asemblea Xeral a perda da condición de membro de acordo co Artigo 12.

6.- Deliberar sobre todas as actividades relativas ao cumprimento dos fins da Asociación.

7.- Designar a proposta do Presidente ou Presidenta representantes en organizacións internacionais ás que pertenza a Asociación

8.- Constituír Grupos de Traballo para o mellor funcionamento da Asociación.

9.- Preservar a representación equilibrada, en termos de xénero, territorio, institución, experiencia e ámbitos da disciplina, no nomeamento de comités científicos, xurados ou calquera outro espazo colexiado de toma de decisións da asociación.

Artigo 23º.

1.- A Xunta Directiva reunirase polo menos tres veces ao ano, previa convocatoria do Presidente ou Presidenta, con polo menos sete días de antelación, á que se acompañará a correspondente Orde do Día.

2.- Os acordos da Xunta Directiva adoptaranse por maioría simple dos membros presentes e votantes. Admitirase o voto por delegación debidamente documentado para asuntos concretos incluídos na orde do día.

3.- A Xunta reunirase en sesión extraordinaria por iniciativa do Presidente ou Presidenta ou a instancia dunha terceira parte dos membros que a integran. A petición de reunión de Xunta extraordinaria deberá incluír a orde do día que se propón para ela.

Artigo 24º.

1.- O Presidente ou Presidenta da Xunta Directiva elixirase para un mandato de catro anos, non sendo reelixible para un segundo mandato consecutivo.

2.- Corresponde ao Presidente ou Presidenta:

2.1.- Convocar e presidir as sesións ordinarias e extraordinarias da Asemblea Xeral e executar os seus acordos.

2.2.- Convocar, presidir e coordinar as reunións da Xunta Directiva, decidindo con voto de calidade en caso de empate.

2.3.- Representar á Asociación en todos os ámbitos e a todos os efectos.

2.4.- Ordenar os pagamentos que deban realizarse, así como os cobros das cotas da Asociación, e aceptar e recibir cantas axudas perciba a Asociación e as demais cantidades ás que esta teña dereito a calquera título.

2.5.- Adoptar de por si ou previa deliberación da Xunta Directiva os acordos necesarios para a realización dos fins da Asociación.

2.6.- Realizar, co acordo da Xunta Directiva, cantas outras actividades non estean encomendadas expresamente aos demais órganos de goberno polos Estatutos.

2.7.- O Presidente ou Presidenta saínte formará parte da nova Xunta Directiva con voz, pero sen voto.

Artigo 25º.

1.- Un Vicepresidente ou Vicepresidenta por orde de prelación substituirá legalmente ao Presidente ou Presidenta en todas as súas funcións nos casos de vacante, ausencia ou enfermidade.

2.- O Secretario ou Secretaria Xeral levantará e custodiará as actas das sesións da Asemblea Xeral e da Xunta Directiva, formalizará as convocatorias das sesións destes órganos por orde do Presidente ou Presidenta, expedirá os certificados que lle sexan solicitados, e redactará cantos documentos sexan necesarios para o cumprimento dos fins da Asociación e cantas outras funcións se deriven da natureza do seu cargo.

3.- Corresponde á Tesourería da Asociación a custodia e o control dos recursos económicos da Asociación, a elaboración do proxecto de orzamento anual, a xestión do cobro das cotas, a autorización dos pagamentos e a contabilidade ou estado de contas da Asociación e a elaboración do documento anual de execución do gasto.

Artigo 26º.

O Consello Académico estará formado polos membros colectivos da Asociación. Terá carácter consultivo e a súa función será asesorar á Xunta Directiva. Reunirase unha vez ao ano para deliberar sobre o desenvolvemento institucional da Ciencia Política e da Administración.